Que un home quede calvo é algo que acontece con frecuencia e, xa que logo, non ten nada de extraordinario. O que si se pode saír do común é o repertorio imaxinativo que este mesmo home desprega para facer fronte á súa nova situación. De imaxinación e humor tiran David Pintor e Carlos López, que forman a parella de humoristas gráficos Pinto & Chinto, denominación baixo a que publican o álbum ilustrado Nicomedes o pelado, que Kalandraka edita en galego, castelán e portugués.

A súa espléndida cabeleira converteuse nunha cabeza pelada. Pero Nicomedes, que non ten nin un pelo de tonto, empeza a enxeñar insólitas alternativas á súa prematura calvicie. A grandes males, grandes remedios.









