Unha interesante páxina con toda a información sobre os apelidos que atopamos na nosa terra. Non dubidedes en botarlle un ollo.
Para entrar na páxina, preme na imaxe:
Manuel María
Galiza
Galicia docemente
está ollando o mar:
¡ten vales e montanas
e terras para labrar!
Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
¡cargados de traballo
cargados de trafegos!
Galiza é unha nai
velliña, soñadora:
¡na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!
Galiza é o que vemos:
a terra, o mar, o vento…
¡Pro hai outra Galiza
que vai no sentimento!
Galiza somos nós:
a xente e mais a fala
¡Si buscas a Galiza
en ti tes que atopala!
Etiquetas:
Manuel María
Os soños na gaiola
O ano vindeiro será para Galicia un ano no que a figura de Manuel María cobrará unha grande importancia, xa que o Día das Letras Galegas estará dedicado a este poeta. Aproveitando as vacacións estivais esté é un bo momento para que recuperemos un dos seus libros para rapaces: "Os soños na gaiola", editado por Xerais.
O medio cento de poemas que constitúen este volume percorren o mundo infantil galego con estructuras sinxelas e rítmicas. Abren o libro dous poemas dedicados a Galicia. Un deles, que leva o mesmo nome, é case unha declaración de principios sobre o noso país para os nenos e nenas.De seguido, e baixo o epígrafe de "O mundo", aparecen o sol, as etrelas, a lúa, o arco da vella, o mar, o río e o vento. No poema "As cousas" falan as campás, o barco, o chifre, o muíño, o ourizo, a fouce, o bolo, o foguete, o carro, o tractor, o arado."Os homes, nenos e nenas", é o título xenérico onde entran o labrego, o soñador, o afiador, a festa do patrón, os xogos, o lume novo, o pastor, a boneca, a roda-roda.Por último, dous epígrafes dedicados ós animais: o año, a bolboreta, o caracol, a pita choca, a vaca, o burro, a lebre, o galo, o gato, o lobo, o grilo, o corvo, o merlo, o carrizo, o escribinte, as andoriñas, o pazpallar, o cuco, o pardal, as pegas.Este libro é un clásico da nosa literatura infantil. O autor, nunhas palabras iniciais, di que "son versos que este humilde autor botou de menos cando el era neno. Versos que, por outra banda, non había na literatura galega e que tan preciosos son. Eu quixera encher, en parte, este oco". .
Etiquetas:
Libros,
Manuel María
Manuel María
Ao abeiro do nomeamento do Día das Letras Galegas 2016 ao poeta Manuel María, queremos enlazar coa páxina que ten a fundación que leva o seu nome. Aí poderedes atopar información sobre a súa vida, a súa obra, e moitas cousas máis. Paga a pena botar unha ollada...
Simplemente, preme na imaxe
Etiquetas:
Manuel María
Día das Letras Galegas 2016
Aínda comezando os días de verán cando chega a nova do Día das Letras Galegas do ano vindeiro que estará dedicado a Manuel María.
O poeta Manuel María, autor dunha extensa obra e expoñente do activismo político, representa a conciencia e o compromiso inquebrantable coa lingua galega.
Manuel María Fernández Teixeiro, nado en Outeiro de Rei (Lugo) o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, foi un poeta, narrador e dramaturgo recoñecido, de extensa obra e inquebrantable compromiso coa lingua galega.
No ano 1943, Manuel María trasladouse a vivir a Lugo, onde cursou o ensino secundario entre o Instituto Masculino e o colexio dos Maristas. Nesa altura entrou en contacto con personalidades como Uxío Novoneyra, Luís Pimentel, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero e Aquilino Iglesia Alvariño. Chegado o ano 1949, os seus versos viron por primeira vez a luz na revista de poesíaXistral, fundada por Pimentel. O seu primeiro libro tampouco tardou en chegar:Muiñeiro de brétemas publicouse en 1950, cando o autor contaba só 19 anos, o que o converteu no poeta máis novo que publicaba en galego na posguerra. Este primeiro poemario inaugurou a denominada "Escola da Tebra".
No ano 1951 matricúlase en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Nesta época concibe o libro de poemas Morrendo a cada intre, publicado en 1952, ano no que crea a Editorial Xistral en Lugo. Arredor de 1954 comeza a colaborar na revista Alba. É na casa do director da publicación, Ramón González Alegre, onde coñece a Bernardino Graña e Xosé Luís Méndez Ferrín, ambos profesores do colexio Fingoi. Con este último mantería unha forte relación de amizade.
No ano 1953 volve a Lugo e un ano despois gaña os Xogos Florais de Ourense e coñece algúns dos máis importantes intelectuais ourensáns: Cuevillas, Antón Tovar ou Vicente Risco. En 1957, acadou o título profesional de Procurador, que o levou a comezar o exercicio da súa profesión en Monforte. En maio de 1959 casou con Saleta Goi García, a muller que o acompañou na maior parte dos seus proxectos e a quen o poeta quixo citar ao longo da súa obra. Con Saleta argallaría a colección Val de Lemos, onde viron a luz poemas de Luz Pozo, Carballo Calero, Pura Vázquez ou Cabanillas. No ano 1970, ambos os dous abriron en Monforte a libraría Xistral, auténtico centro de dinamización cultural da vila.
Nos anos sesenta e setenta, Manuel María atende os chamamentos e peticións que lle chegan de todas as organizacións que, ao longo e ancho do país, andan a traballar pola recuperación cultural: desde impartir conferencias ou recitar poemas a presentar a Nova Canción Galega. A súa obra literaria diversifícase e multiplícase de acordo cos novos tempos: ensaio, narrativa, teatro... sen abandonar o cultivo da poesía. Do existencialismo e o seu pesimismo radical evoluciona cara á unha poesía de compromiso social, canalizando unha resposta nacionalista ao franquismo.
No entanto, a carón do traballo intelectual, o poeta manifestou o seu compromiso na militancia política clandestina que culminaría na súa elección como concelleiro no ano 1979.
A partir da década dos oitenta, a súa poesía acada unha expresión máis íntima e humanista e nestes anos escribe e publica talvez o seu máis rico corpus poético. O poeta participa activamente nas actividades de entidades como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega ou a Asociación de Escritores en Lingua Galega e emprende tamén unha serie de viaxes que o levan a diversas partes de Europa. Nesta época son frecuentes as homenaxes, os premios e os recoñecementos.
En 1998 Manuel María e Saleta trasladan a súa residencia á cidade da Coruña, onde pasa os seus últimos anos e onde manterá unha tertulia no Kirs. Manuel María falece o 8 de setembro de 2004.
Etiquetas:
Letras Galegas,
Letras Galegas 2016,
Manuel María,
Novas
Revista Rebumbio
Aquí tedes o enlace a unha páxina sobre o deporte galego. Deixemos que eles mesmos se presenten...
Simple á vez que complexo. Rebumbio é unha revista dixital sobre o deporte galego. Porque o noso deporte merece protagonismo. En Galicia temos grandes equipos e grandes deportistas. Eles transmiten mellor ca ninguén a loita, o esforzo, a alegría, a ilusión e a calidade humana dunha xente que vive nun pequeno pero gran territorio. Non daremos noticias, contaremos historias. Porque o deporte galego necesita o seu espazo.
Para entrar, preme na imaxe.
Simple á vez que complexo. Rebumbio é unha revista dixital sobre o deporte galego. Porque o noso deporte merece protagonismo. En Galicia temos grandes equipos e grandes deportistas. Eles transmiten mellor ca ninguén a loita, o esforzo, a alegría, a ilusión e a calidade humana dunha xente que vive nun pequeno pero gran territorio. Non daremos noticias, contaremos historias. Porque o deporte galego necesita o seu espazo.
Para entrar, preme na imaxe.
Etiquetas:
Deporte,
Páxinas interesantes
Día das Letras Galegas 2015
Un novo curso e un novo Día das Letras Galegas, neste caso dedicado a Filgueira Valverde. Nós, comezamos esta xornada festiva bailando todos xuntos "A camiño de Viseu". Todos os alumnos, e por suposto todos os profes, movéronse ao ritmo desta canción.
Por parellas |
Todos xuntos |
Un pouquiño máis tarde gozamos do xa tradicional chocolate con rosquillas. Unha delicia para o padal e unha boa excusa para falar cos amigos e para compartir un bo momento.
Mmm |
Esperando o turno |
Quen quere repetir? |
Pola tarde dese venres día 15, volvimos a xuntarnos todos para renderlle unha homenaxe a Filgueira Valverde. O acto, presentado por algúns rapaces e rapazas de 3º da ESO (Laura González, Laura Trapero e Abraham Fernández), tamén contou cun espontáneo "Filgueira" que nos falou da súa vida (Emilio González). Cada curso leu poemas da nosa literatura, e gozamos do maio coa voz de Uxía Fernández (5º B) e o baile de 5º A. Tamén tivemos outras actuacións musicais a cargo de Ana Alonso (5º A), Antía Rouco (6º A) e Jorge Figueroa (6º A). E finalmente, todos cunha soa voz, cantamos o noso himno.
O Himno Galego abriu o acto |
Presentado ao noso Filgueira Valverde |
Lectura de poemas |
Problemiñas co vento |
Entrada do Maio |
O Maio |
Baile arredor do Maio |
Día das Letras Galegas 2015 |
Etiquetas:
Letras Galegas 2015,
Novas
Suscribirse a:
Entradas (Atom)